Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


A Mesa Galega a prol da Innovación, é un grupo de interese conformado por empresas, organizacións non gubernamentais e outras instáncias da sociedade galega vencelladas ás novas tecnoloxías da información e da comunicación. Operamos dende o ámbito galego facilitando a interlocución coas instancias administrativas que interveñen na definición das políticas públicas concernentes ao procesamento da información.

A labor fundamental da Mesa Galega a prol da Innovación consiste en promover o desenvolvemento dunha infraestructura electrónica de comunicacións baseada no uso de estandares abertos e na protección dos direitos de propriedade intelectual, libre expresión e libre competéncia. Con este obxectivo levamos a cabo unha tarefa de divulgación e asesoramento participando en eventos como charlas, mesas redondas ou congresos e mediante comunicados de prensa e informes actualizados que son remitidos periódicamente aos meios de comunicación e aos poderes públicos involucrados. Esta documentación é elaborada a través dunha lista de correo electrónico que ao mesmo tempo sirve para difundir -de forma privada e con acceso restrinxido aos nosos signatários- a información técnica e xurídica que procede de fontes especializadas nas materias que son do noso interese.

Todas as institucións, organizacións non gubernamentais e demais instáncias da sociedade galega vencelladas ás novas tecnoloxías da información e da comunicación están convidadas a formar parte da Mesa Galega a prol da Innovación. Para adherirse a esta iniciativa, tan só será preciso cubrir e facernos chegar esta proposta de adhesión. Unha vez procesada, o nome da entidade/ organización será engadida á listaxe de signatários da Mesa Galega a prol da Innovación e o seu enderezo de correo electrónico incluído na lista de distribución. Esta adhesión como signatário non supón coste económico algún e pode ser revocada en calquera momento con só comunicalo na lista de distribución.

Se vostede está interesado/a en formar parte da Mesa Galega a prol da Innovación pregámoslle que envíe unha primeira mensaxe de presentación dirixido á nosa lista:

rolda (arroba) mesagalega.info.

Tan pronto como nos sexa posibel recibirá resposta para concertar unha cita co/a portavoz da súa área e formalizar a súa proposta de adhesión.

Se vostede está a organizar un evento relacionado coas materias que son do noso interese, como patentes de software, propriedade intelectual ou o relacionado con infraestructuras de comunicacións electrónicas, e estivera interesado en contar coa presenza da Mesa Galega a prol da Innovación, faga a súa proposta nesa mesma dirección correo, e poñeremonos en contacto en canto nos sexa posibel.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA