Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


Chamamento á unanimidade na aprobación do PEGSI

[ 2007 03 28 (20:54) ]  Ante a próxima votación na Comisión Sexta do Parlamento Galego do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), a Mesa Galega a prol da Innovación fai un chamamento aos tres grupos parlamentários para acadaren a unanimidade na súa aprobación.

Tal como ten sinalado o Director Xeral de Investigación da Comisión Europea, o galego José Manuel Silva, a estratéxia máis efectiva para que os investimentos en I+D+i no eido das TIC acaden os resultados esperados, baséase na vixéncia dun pacto social ao respeito capaz de trascender os ciclos lexislativos própios da democracia. Así aconteceu por exemplo no caso de Finlandia, que partindo dunha situación máis precaria que a galega, é hoxe o líder europeo na introdución das TIC.

Posto que o PEGSI é a principal ferramenta que o Goberno Galego artella para o desenvolvemento da Sociedade da Información, a súa aprobación por unanimidade podería significar un paso decisivo para acadar ese necesario Pacto Social.

O Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) é unha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria.

Este Plano busca fomentar o desenvolvemento dunha economía do coñecemento até acadar a converxencia cos obxectivos fixados pola Unión Europea na Estratexia de Lisboa, así como nas sucesivas revisións deste programa. A súa elaboración prolongouse durante un ano co obxecto de realizar unha prospeción estatística que serviu para estabelecer unha diagnose complementada coas achegas de coñecidos expertos en tecnoloxías da información e da comunicación. Unha vez obtida a versión preliminar, someteuse a consideración pública a través dunha rolda de participación aberta integrada polos representantes máis destacados dos sectores concernidos. Unha vez integradas estas aportacións, o PEGSI foi aprobado polo Consello da Xunta o 10 de xaneiro de 2007.

Unha vez finalizado este proceso, e a instancias do Conselleiro de Innovación e Industria, o PEGSI foi remitido ao Parlamento Galego para requerir o seu pronunciamento. Tras da apresentación parlamentaria deste Plano que tivo lugar o pasado 27 de marzo, deberá ser a Comisión competente a que deba debater o seu contido procedendo á votación que terá lugar o próximo venres día 28 de marzo de 2007.

Durante o Pleno parlamentario no que tivo lugar a apresentación deste plano, o Grupo Parlamentario Popular expresou, Sr. Bernado Tahoces, a través do seu Portavoz de Industria, a súa disconformidade con algúns dos termos deste plano. Posto que algunhas das razóns argüídas parecían estar fundamentadas en informacións erróneas, dende a Mesa Galega a prol da Innovación consideramos conveniente remitirlle o seguinte escrito como aportación aclaratória co propósito de contribuír a que os grupos parlamentarios galegos acaden a unanimidade no pronunciamento parlamentar.


Prezado Sr. Tahoces:

Vimos de seguir a través da Internet a apresentación parlamentaria do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). Durante a súa intervención afirmou vostede que o Goberno Galego estaba, ao apoiar o software libre, excluíndo o que vostede denominou "software comercial".

Escrebémoslle por que consideramos necesário aclarar que a "liberdade" dese tipo de software refírese á liberdade de executar, modificar, distribuir e mellorar o seu código fonte, e nada ten que ver co seu carácter comercial. Son innúmeros os exemplos de aplicacións de software libre que teñen carácter comercial. Igualmente numerosas son as empresas, entre elas galegas, que basean o seu modelo de negócio en solucións de software libre debido a que obteñen produtos de maior calidade cun incremento aparellado da súa competitividade.

En calquera caso, cremos importante lembrarlle as declaracións do Director Xeral de Investigación da Comisión Europea, o galego José Manuel Silva, chamando á sociedade galega para acadar un pacto social a prol da innovación capaz de trascender os ciclos lexislativos. Foi ese acordo o que posibilitou no caso Finlandés, partindo dunha economía ben máis precaria que a do caso galego, aproveitar o pulo da Sociedade da Información para convertirse no líder europeo en introdución das TIC.

Vostede, como representante dunha significativa parte do pobo galego, e Portavoz de Industria do Grupo Parlamentario Popular, ten unha importante responsabilidade que asumir nese sentido. Na Comisión Sexta que o próximo venres aprobará o PEGSI, pode darse o primeiro paso cara ese pacto social, acadando a unanimidade na súa aprobación. Deste xeito, poderán vostedes asumir como súa unha estratéxia que, como terá comprobado, representa unha traslación literal dos obxectivos políticos que as institucións europeas persiguen a través dos recursos financieiros e de innovación que se atopan na súa nova política industrial, no VII Programa Marco ou nos critérios de aplicación dos Fondos Estruturais.

Polo demais, consideramos obrigado felicitalo pola súa aposta decidida polos estándares abertos. Deste xeito coincide vostede coa IDABC, programa oficial da Comisión Europea que promove a interoperabilidade entre as administracións públicas e que, a igual que o PEGSI, considera que sen excluir outras opcións, deben aproveitarse as vantaxes competitivas que definitivamente fornece o uso do software libre, como actualmente fan administracións, empresas e institucións moi diversas de todo o mundo, incluindo ao Vaticano..

Reciba un cordial saúdo das personas que integramos da Mesa Galega a prol da Innovación, convidándoo a visitar a nosa sé dixital en http://www.mesagalega.info/ para obter máis información.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA