Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


A Unión Europea abre as súas portas ás patentes de programación

[ 2006 10 18 (23:08) ]  Por 494 votos a favor e 109 votos en contra, o Parlamento Europeu aprobou unha resolución que admite a trámite a proposta de adhesión dos Estados- Membros ao EPLA. En virtude desta resolución, o Parlamento insta á Comisión Europea a incluir o EPLA entre as vías posíbeis da futura política europeia en materia de patentes e solicita do Servizo Xurídico do Parlamento o seu parecer sobre esta eventual adhesión, dando así o seu visto bó á tramitación desta proposta.

Dende a MGAPI (Mesa Galega a prol da Innovación) facemos un chamamento á comunidade a prol da innovación para encetar un proceso de converxéncia capaz de fechar de forma contundente e definitiva as portas da Unión Europea ás patentes de programación.

A MGAPI quere manifestar a súa preocupación por esta decisión, xa que pese a requerir un maior control democrático e mesmo "melloras significativas", o Parlamento Europeo non inclúe entre estas melloras a exclusión da programación (software) do ámbito patentabel. En poucas palabras, a adopción desta resolución significa que as portas da Unión Europea acaban de abrirse á legalización das patentes de software no meio prazo pola vía xudicial, ao igual que xa sucedera nos Estados Unidos.

Mediante o EPLA, os estados membro que se adherisen delegarían a resolución do seus litixios de patentes nun Tribunal Europeo de Patentes. Este Tribunal estaría controlado pola Oficina Europea de Patentes (EPO) e demais organismos emanados da Convención Europea de Patentes (EPC), que continúan validando patentes de programación pese a non ter estas validez xurídica algunha.

Segundo a própria EPO , o coste dun litixio medio de patentes oscilaría entre os 97.000 e os 415.000 euros. Estes costes farían inviabel a innovación empresarial vencellada ás patentes para as pequenas ou medianas empresas, especialmente aquelas establecidas fora do réxime lingüístico definido polo Protocolo de Londres: algo que debe ser tido en conta ao considerar que dúas terzas partes do emprego en Europa é xenerado precisamente polas PEMES.

Dende a MGAPI consideramos irresponsabel a visión triunfalista (1, 2) que están a difundir algunhas organizacións, xa que ninguén pode congratularse polo resultado dunha votación que no mellor dos casos únicamente significaría un retraso pouco significativo no proceso a longo prazo emprendido polos grupos que promoven a patentabiliade da programación.

Dende a MGAPI facemos un chamamento á comunidade a prol da innovación para encetar un proceso de converxéncia capaz de fechar de forma contundente e definitiva as portas da Unión Europea ás patentes de programación mediante a agregación solidaria de esforzos.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA