Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


EPLA: as patentes de programación pola vía xudiciária

[ 2006 09 29 (00:06) ]  O Parlamento Europeo votará o próximo día 12 de outubro de 2006 unha proposta que permitiría a creación dun "Tribunal Europeo de Patentes". Este tribunal funcionaría á marxe dos mecanismos legais e de control democrático europeos polo que permitiría a legalización das patentes de software pola vía xudicial, tal como sucedeu nos Estados Unidos. Ademais situaría o coste do litixio medio de patentes entre os 97.000 e os 415.000 euros, o que deixaría ás PEMES en situación de clara desavantaxe competitiva. Esto afectaría especialmente a metasectores TIC como o galego, onde as MicroPEMES (0 a 9 empregados) representan o 84% do total de empresas que conforman o segmento das actividades informáticas, de forma similar ao que sucede no resto de Europa.

O Parlamento Europeo votará o próximo día 12 de outubro de 2006 unha proposta de resolución sobre a EPLA. A EPLA -European Patent Litigation Agreement, ou Acordo Europeo sobre Litixios de Patentes- é un tratado internacional que permitiría a creación sistema legal á marxe do control democrático europeo. Este sistema instanciaría un "Tribunal Europeo de Patentes" no que os estados membro asinantes delegarían a resolución dos litixios sobre patentes.

Situación actual

En 1997, a Comisión lanzou a idea da Patente Comunitaria no seu Libro Verde sobre a promoción da innovación. Ista idea foi recollida posteriormente nas conclusións do Consello Europeo de Lisboa de marzo de 2000, que apelou ao estabelecemento dunha patente comunitaria antes do fin de 2001. Mais por diversas dificultades, a proposta de Patente Comunitaria, establecendo un sistema unitario de protección de patentes para o mercado único, leva formalmente na axenda do Consello dende entón, pendente de acadar un acordo xeral.

Parece existir unha postura común que ve de forma positiva a posibilidade de que unha patente poida ser válida en toda a Unión Europea con independencia do lugar onde se xestione. Segundo esta tese, un sistema unificado de patentes reduciría os costes na xestión de patentes, permitiría protexer os retornos de inversión en coñecemento e incrementaría a productividade da industria europea promovendo a innovación. Mais son múltiples as dificultades que enfrenta esta idea: o réxime lingüístico (as línguas nas que se dispón de traducción dos documentos de patente, ou nas que se poden realizar as xestións relacionadas ou mesmo os litixios), a harmonización dos sistemas xudiciais dos estados membro ou mesmo a insistencia por parte dalgúns actores en abrir a posibilidade de patentar o software son causas que xeneran rexeitamento e complican a chegada a unha postura común.

Consulta pública sobre a Patente Comunitaria

Co obxecto de dar un impulso definitivo á Patente Comunitaria, a Comisión Europea encetou un proceso de consulta pública sobre o sistema. A participación nesta consulta foi masiva e nela tomaron parte institucións, cidadáns e sobre todo empresas.

Dende a Mesa Galega a Prol da Innovación quixemos tamén aportar unha perspectiva galega da cuestión, o que fixemos no decurso dunha entrevista co señor Erik Nooteboom, Xefe de Unidade de Propriedade Industrial da Dirección Xeral de Mercado Interior da Comisión Europea, que lanzou esta consulta. Nesta entrevista transmitímoslle a nosa concordancia coa conveniéncia dun sistema europeo de patentes, mais tamén a necesidade de que a Comisión tivera en conta na súa proposta a expresión da cidadanía e das empresas europeas, que se manifestaron en contra das patentes de programación a través do Parlamento Europeo.

A Comisión comprometeuse a apresentar unha nova estratéxia de patentes antes de finais de 2006, a partir dos resultados desta consulta.

A contraproposta da EPO: ratificación da EPLA e do Protocolo de Londres

Mais o proceso precisa o seu tempo, e ante a auséncia dunha Patente Comunitaria nun prazo breve, a Oficina Europea de Patentes (EPO) propón unha solución alternativa que consistiría na ratificación por parte dos estados membro do Protocolo de Londres así como da EPLA.

A ratificación do Protocolo de Londres permitiría aos estados asinantes a posibilidade de validar patentes en tres idiomas: francés, inglés e alemán. Segundo os seus defensores, a vantaxe de empregar só tres idiomas radica tanto na mellora da operatividade como na reducción do coste do sistema. Mais pola contra, as empresas establecidas en países con outros idiomas oficiais verían mermada a súa competitividade xa que o coste de acceso e uso do sistema incrementaríase notabelmente -por exemplo unha empresa galega.

Por outra parte, non só basta con validar as patentes: é preciso que despois existan mecanismos xurídicos capaces de garantir a proteccións que estas outorgan ao titular dos direitos que confire a patente. Precisamente esta é a función que cumpriría a EPLA, siglas de European Patent Litigation Agreement, ou Acordo Europeo sobre Litixios de Patentes.

Mediante a EPLA, os estados membro delegarían a resolución dos litixios de patentes -ben sexa por violación ou por cuestionar a súa validez- nun Tribunal Europeo de Patentes. Deste xeito, os litixios que agora se resolven en cada unha das 31 lexislacións dos estados asinantes da Convención Europea de Patentes (EPC), serían resoltas únicamente por este Tribunal.

Porén, segundo a própria EPO -emanada da EPC e defensora da EPLA-, o coste dun litixio medio de patentes oscilaría entre os 97.000 e os 415.000 euros. Estes costes farían inviabel a innovación empresarial vencellada ás patentes para as pequenas ou medianas empresas, especialmente aquelas establecidas fora do réxime lingüístico definido polo Protocolo de Londres: algo que debe ser tido en conta ao considerar que dúas terzas partes do emprego en Europa é xenerado precisamente polas PEMES.

Efectos da EPLA no metasector TIC

No caso do metasector TIC, a instauración dun sistema de patentes baseado na ratificación do Protocolo de Londres e da EPLA significaría unha reducción drástica da súa competetividade e un obstáculo para a innovación.

Para comprender esto, é preciso ter en conta en primeiro lugar a súaestructuración, onde predominan as pequenas e medianas empresas. Un exemplo paradigmático é precisamento o caso galego, onde o segmento das actividades informáticas está conformado nun 84% por MicroPEMES -empresas de 0 a 9 empregados e volume de negocio inferior aos 2 millóns de euros anuais. Evidentemente, a capacidade dunha empresa destas característas para afrontar un litixio relacionado con patentes cos costes xa mencionados condicionarían de forma definitiva a súa viabilidade; costes que aumentarían ao aplicarse o rexime lingüístico proposto.

Mais a situación agrávase ao considerar a posibilidade de que a programación -software- poida estar suxeita a dereitos de patentabilidade, tal como propón a própria EPO. O metasector TIC basea a súa actividade na xestión do coñecemento, xa que unha parte significativa da súa producción cognitiva baséase no uso de protocolos de comunicación, formatos de almacenamento e algoritmos informáticos. A protección destes elementos atopa mecanismos adecuados a través da lexislación sobre propriedade intelectual e máis recentemente, a través dos esquemas de licenzamento baseados na cesión ao dominio público. A posibilidade de patentar a programación foi rexeitada de forma reiterada e contundente tanto pola industria do software europea como pola cidadanía a través do Parlamento Europeo. A patentabilidade da programación incrementa o coste da protección e supón un obstáculo para a innovación e o intercambio de coñecemento.

En contra do expresado de forma reiterada polo Parlamento Europeo, a Oficina Europea de Patentes continúa a validar patentes de software, coa perspectiva de obter a súa validación legal no futuro. A proposta de instaurar unha patente comunitaria en só tres idiomas e delegando a resolución dos litixios a un tribunal extracomunitario procede precisamente dese organismo. De igual forma que nos Estados Unidos, esta proposta abriría de novo a posibilidade de outorgar validez xurídica ás patentes de software, en contra do expresado polas institucións que representan a expresión do pobo europeo.

Posición da Mesa Galega a Prol da Innovación

A Mesa Galega a Prol da Innovación concorda coa Comisión na conveniencia dunha Patente Europea que harmonice as distintas lexislacións, simplifique os procesos e abarate os custes de cara a estimular o crecemento económico e a xeración de emprego no ámbito europeo.

Neste sentido, a Mesa Galega a Prol da Innovación considera vital que a Patente Europea se torne nun instrumento que poida ser empregado polas PEMES europeas, responsabeis das dúas terzas partes do emprego xenerado na Unión Europea.

Ademais, a Patente Europea deberá excluír de forma explícita a posibilidade de patentar a programación, xa que existen mecanismos máis adecuados para protexer e promover a innovación como as lexislación sobre propriedade intelectual ou as licencias de atribución ao dominio público.

Así mesmo, a xestión xurídica dos litixios sobre patentes deberá estar necesariamente integrada nun marco onde poidan darse as condicións necesarias para garantir un desenvolvemento da lexislación sometida aos controis institucionais que caracterizan a unha democracia. Igualmente, o establecemento dun órgano xudicial deberá garantir a independencia dos seus membros así como a auséncia de toda relación con suxeitos interesados económicamente nas resolucións emanadas deste.

Por canto na instauración dunha Patente Comunitaria baseada na ratificación do Protocolo de Londres e na implantación da EPLA non concurren nengún dos requerimentos sinalados, a Mesa Galega a Prol da Innovación manifesta as súa posición contraria a respeito desta proposta tal como foi formulada. En cambio, anima á Comisión a continuar co traballo iniciado no ano 1997, integrando as aportacións recibidas a través da Consulta instaciada pola súa Dirección Xeral de Mercado Interior así como polas diversas posicións que o Parlamento Europeo ten manifestado ao respeito.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA