|
Quen somos Actualidade Ligazóns |
Mesa Galega a prol da Innovación |
|
A Comisión europea avala a proposta de Pacto Social pola I+D+I promovida do grupo BRUX-GAL [ 2006 06 04 (02:29) ] A conveniéncia dun grande Pacto Social pola I+D+I -incluído no Manifesto de Bruxelas pola Innovación e a Sociedade do Coñecemento- ven de ser avalada polas declaracións da Comisária europea de Política Rexional, coincidindo así coas recomendacións que o Director Xeral de I+D da Comisión europea trasladara en Bruxelas ao grupo de traballo BRUX-GAL a principios desta mesma semana.Durante a visita que está a realizar ao noso país no marco da negociación dos fondos comunitarios para o período 2007-2013, Danuta Hübner reiterou a necesidade de cambiar a actual estratéxia inversora priorizando o gasto en formación, investigación, desenvolvemento e innovación, ademais de finalizar as infraestructuras pendentes.
Con estas declaracións, [1 | 2] a Comisária ven a coincidir coas recomendacións que o Director Xeral de I+D da Comisión europea -o galego Xosé Manuel Silva- trasladara previamente á delegación galega que a inicios desta semana viaxou a Bruxelas convidada pola coaligación GALEUSCAT por iniciativa de Ana Miranda, voceira no Parlamento Europeo do BNG e responsabel da súa Comisión de Emigración.
Estructuración en malla para integrar as rexións periféricas de EuropaEsta delegación, conformada por axentes vencellados ao I+D+I e ás TIC do noso país mantivo entrevistas e sesións de traballo con altos representantes de diversas institucións europeas. Durante dous días, os axentes da sociedade civil e do goberno galego tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o estado de distintas iniciativas europeas relacionadas coa I+D+I e as TIC en Europa, especialmente no referido aos fondos estructurais para o período 2007-2013 e tamén na área da propriedade intelectual (direitos de autor) e industrial (patentes).No decurso desta interlocución, a delegación galega tivo a oportunidade de trasladar aos altos representantes institucionais europeos aquelas particularidades que poderían condicionar negativamente o acceso do noso país aos diversos resortes de competitividade e converxéncia co resto da Unión Europea, ao tempo que foron propostos mecanismos que permitan neutralizar estas dificuldades. Entre eles propúxose a creación de estructuras decisionais en forma de malla, a proposta do profesor Xavier Alcalá (Director da Oficina de Programas Internacionais de I+D da Consellería de Innovación e Indústria), como vía para superar as dificuldades plantexadas polas redes de tipo xerárquico que desprazan a unha situación periférica aquelas rexións europeas físicamente distanciadas dos centros de poder. Asímesmo foi proposta, a iniciativa do profesor Xabier Vence (Catedrático de Economía Aplicada da USC e experto en cuestións de I+D), a aplicación de mecanismos correctores dos desaxustes que nas políticas promotoras da investigación conlevan os actuais criterios de exceléncia, xa que de ser aplicados na súa literalidade agravarían aínda máis as condicións que actualmente causan a chamada fuga de cerebros impedindo o retorno das inversións empregadas no sistema formativo.Unha axenda completa: Comisión europea, REPER, Parlamento EuropeoA axenda de traballo comezaba o luns 29 de maio cunha sesión de traballo co Xefe de Unidade de Propriedade Industrial da Dirección Xeral de Mercado Interior da Comisión Europea, o señor Erik Nooteboom á que acudiu tamén Mirjam Söderholm, delegada desta Direción Xeral para o Parlamento Europeo. Nela abordouse a iniciativa da Consulta sobre o Sistema Europeo de Patentes como unha das accións lideradas polo Comisário McCreevy para adoptar a patente comunitária durante a actual lexislatura, resaltando a importancia que para a industria europea, especialmente a relacionada coas TIC e a xestión do coñecemento, tería a adopción dun sistema unitario de patentes no ámbito europeo. Tras dunha presentación inicial a cargo de Ana Miranda sucederíanse as intervencións da delegación galega, restrinxida por requerimentos operativos da Comisión a outras catro persoas: ademais dos profesores Vence e Alcalá, Suso Baleato como voceiro da Mesa Galega a prol da Innovación, e Javier Vázquez da empresa IGALIA. Tras dunha aproximación inicial por parte do Sr. Nooteboom ao estado actual da consulta, trasladouse a fonda preocupación presente na sociedade e a industria do software galegas en relación á problemática da patentabilidade do software. Dende o punto de vista das PEMES, Javier Vázquez descrebeu con moita precisión e contundéncia as dificuldades ás que se enfrentarían os desenvolvedores; o profesor Vence centrouse nos negativos efectos que atraería esta posibilidade para a industria tecnolóxica europea; o profesor Alcalá plantexou a desavantaxe competitiva que a patentabilidade de software acarrearía con respeito a outros mercados e Suso Baleato fixo entrega da tradución ao galego do documento da consulta, que se disponibilizou con anterioridade outros idiomas oficiais -cais o español ou o alemán- como mostra da grande importancia que a sociedade e a industra galegas outorgan a esta cuestión. Tras comentar outras cuestións relacionadas, como o caso Blackberry, finalizou a reunión co convite do Sr. Nooteboom para acudir á audiéncia que a Direción Xeral de Mercado Interior ofrecerá aos participantes nesta consulta, así como para a reunión que organizada pola Oficina Española de Patentes terá lugar en Santander próximamente. Sería xa a totalidade da delegación galega a que acudiría ás restantes reunións; a seguinte, que tería lugar dúas horas despois, sería na sede da Representación Permanente do Estado Español na Unión Europea co seu Conselleiro de Industria, Ignacio Atorrasagasti. Neste encontro o señor Atorrasagasti informou detalladamente do estado das distintas iniciativas que en materia de propriedade industrial están a tratarse nas institucións europeas, dando lugar a unha fructífera posta en común relacionada de novo coa patentabilidade do software e máis concretamente coa tramitación da Directiva de patentes de software, con intervencións de Suso Baleato, e Miguel Fernández do GLUG que agradeceu ao señor Atorrasagasti, en nome da comunidade do software libre, o seu decisivo papel na interlocución co goberno español. Tras esta exposición inicial, o Conselleiro de Industria do estado español en Bruxelas descrebería o estado actual da negociación sobre os fondos estructurais europeos e os distintos programas de aplicación, respostando ás cuestións plantexadas por Antonio Pérez Casas, asesor da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Industria, e recollendo as suxestións do profesor Vence ademais da apelación de Manuel Muíño responsabel da Comisión de Novas Tecnoloxías do BNG en relación ás necesidades diferenciadas do noso país entre outras intervencións. Tras unha comida de traballo no Parlamento Europeo, tería lugar o que sería o acto central desta visita. Xa pola tarde, a integridade da delegación galega encontraríase co Director Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Comisión Europea, o galego Xosé Manuel Silva Rodríguez quen acudiría acompañado de dous dos seus asistentes. Esta reunión, de caracter extremadamente cordial no que o señor Silva permitiu o acceso aos meios de comunicación audiovisuais e á prensa escrita, prolongouse máis alá do previsto debido ás intensas mostras de interese que demandaban os integrantes da delegación galega. Así foron descritos os novos mecanismos de investimento da Unión Europea, facendo especial fincapé naqueles relacionados coa Innovación, a Investigación e o Desenvolvemento. A situación galega foi comparada con outros casos como o irlandés ou o finlandés e foron identificados aqueles sectores productivos máis puxantes na economía galega. Tras desta posta en común inicial, as intervencións da delegación galega comezaron a sucederse destacando a do profesor Vence que descrebía a imposibilidade formal de incorporar capital humano aos proxectos de investigación e que atoparía un exemplo práctico na intervención de Oscar Casal da Asociación de Usuarios de Linux da USC que descrebeu con claridade os motivos da fuga de cerebros e as dificuldades dos grupos de investigación para acceder ás axudas europeas, á que lle seguiron outras como a de Carlos Rodríguez de GalPon que demandou mecanismos para a integración do capital cognitivo presente nas dinámicas asociativas sen ánimo de lucro como é o caso dos grupos de usuarios de Linux nas estratéxias de I+D da Comisión europea, ou Xabier Seixo da Comisión de Novas Tecnoloxías do BNG, quen puxo de manifesto a precariedade laboral que se constata en sectores que adoitan poñerse como exemplo de innovación, como é o caso do textil galego. Tanto o señor Silva como os seus asistentes comprometéronse a estudar os requerimentos plantexados e sobre todo puxeron de relevancia a posibilidade de acceder a estes recursos mediante mecanismos que requiren imaxinación e creatividade como é o caso de determinadas fundacións para a integración de recursos humanos nos distintos proxectos de investigación. O señor Silva postulou a conveniéncia de establecer un pacto social pola innovación capaz de manter a súa vixencia mesmo ante eventuais crises de contexto político, proposta que contou co asentemento da delegación galega. A axenda de traballo remataría ao día seguinte co encontro de novo na Dirección Xeral de Mercado Interior co Sr. Leonardo Cervera Navas, funcionario da Unidade de Direitos de Autor e Economía baseada no Coñecimento. Tras da descripción das iniciativas lexislativas que en materia de propriedade intelectual leva adiante a Comisión Europea, comezou a máis enérxica das postas en común da axenda comunitaria. A descrición inicial da posición galega correu a cargo de María Yáñez, Directora do xornal electrónico Vieiros e activa impulsora do procomún na sociedade galega, quen puxo de manifesto as contradicións e os conflictos que se producen ao tratar de aplicar aos actuais sistemas de producción do inmaterial aqueles mecanismos de protección de direitos de autor previos ao cambio de paradigma productivo: entidades de xestión de direitos de autor, sistemas de protección anti-copia, tentativas de limitar a copia privada e cuestións semellantes. Esta intervención foi complementada coas de Carlos Neira e Denís Fernández, da Mesa Galega a prol da Innovación ou Luis Teira responsabel do Programa de Aplicación Social da Comisión de Novas Tecnoloxías do BNG entre moitas outras. Ademais de informar con todo detalle sobre as posicións que nesta materia defenden os monopolios culturais asentados no tecido industrial europeo, o funcionario desta Unidade tomou nota das posicións expresadas pola delegación galega comprometendose a darlles saída polo cauce legal correspondente. Finalizado este encontro, a delegación galega dirixiuse ao edificio do Parlamento Europeo onde tería lugar o encontro co Sr. Ignasi Guardáns, da coaligación GALEUSCAT e que auspiciou esta viaxe, con cuestións sobre a actividade parlamentaria por parte de Antonio Pérez Casas, Asesor da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Industria ou Camilo Regueiro da consultora tecnolóxica Dimensiona.Rolda de prensa: Constitución do grupo de traballo BRUX-GALO acto final desta viaxe de interlocución coas institucións europeas tería lugar na sé da Fundación Galiza-Europa, onde en rolda de prensa se informou da actividade desenvolvida, presentándose o grupo de traballo BRUX-GAL. O cometido deste grupo de traballo descrébese no Manifesto de Bruxelas pola Innovación e a Sociedade do Coñecemento que foi lido na súa integridade durante a rolda de prensa. Entre os obxectivos deste grupo de traballo cóntase precisamente a promoción dun pacto social a prol da innovación e da sociedade do coñecemento, en seguimento da proposta feita polo Director Xeral de I+D da Comisión Europea, Xosé Manuel Silva. O feito de que a Comisaria de Política Rexional da Comisión, Danuta Hübner reiterara poucos días despois durante a súa visita ao noso país a conveniencia de situar a prioridades investidoras para o período 2007-2013 na investigación, o desenvolvemento e a innovación, supón un aval de credibilidade para as propostas do grupo de traballo BRUX-GAL e un incentivo para acometer os compromisos adquiridos na promulgación do citado Manifesto de Bruxelas. |