Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


Proposta de emendas sobre TIC para o texto articulado do novo estatuto do BNG

[ 2006 01 17 (18:44) ]  A Mesa Galega pola Libre Innovación ven de propoñerlle ao Bloque Nacionalista Galego a toma en consideración das seguintes emendas ao seu Texto Articulado do Novo Estatuto de Galiza publicado na páxina web desa organización política. A nosa proposta de emendas achégase ao BNG a través da súa Comisión Nacional da Sociedade da Información e Novas Tecnoloxías para a súa toma en consideración na reunión prevista para o próximo 23 de novembro de 2005. (Versión para imprimir)

Publicada a “Proposta de Texto Articulado para o Novo Estatuto de Nación” accesibel dende a páxina web da súa organización política, e en resposta aos requerimentos públicos feitos polos seus representantes chamando á participación da cidadanía na elaboración deste texto, a Mesa Galega pola Libre Innovación quere propoñerlle ao Bloque Nacionalista Galego, a través da súa Comisión Nacional da Sociedade da Información e Novas Tecnoloxías na reunión prevista para o próximo 23 de novembro de 2005 a inclusión das seguintes enmendas:

– No Preámbulo engadir:

"CONSCIENTES de que somos un dos pobos que integran a diversidade cultural da Humanidade, fonte nutricia primordial das Sociedades do Coñecemento como organizacións sociais plurais e participativas, manifestamos a nosa vontade de empregar as Tecnoloxías da Información e da Comunicación para contribuir a un desenvolvemento global sustentabel, capaz de harmonizar os principios de viabilidade económica e xustiza social co de preservación da biosfera, o noso hábitat natural.

- No Título Preliminar, engadir o seguinte artigo:

"Artigo 8. O Dominio Galego da Información.

O Dominio Galego da Información estará conformado polo conxunto de recursos e servizos derivados do uso e aplicación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación no ámbito territorial de Galiza.

1.Os recursos do Dominio Galego da Información son as canles e meios de titularidade pública empregados para o transporte de información, incluíndo os dispositivos e as instalacións empregadas para o almacenaxe, procesamento, difusión ou distribución da información a través destes medios e que se atopen no ámbito territorial.

2.Os servizos do Dominio Galego da Información son as utilidades, efeitos e provisións prestados total ou parcialmente dende establecementos situados no territorio de Galiza e a través de sistemas de transmisión da información, con independencia de se estes servizos conlevan unha actividade económica ou de calquera outra índole.

3.O réxime do Dominio Galego da Información será establecido mediante unha Lei do Parlamento de Galiza."

Artigo 17. Protección da honra e da intimidade.

-No título, Substituir "intimidade" por "privacidade".
- No Ponto 1 engadir despois de: do seu domicilio “, dos seus soportes personais de información así como o segredo das súas comunicacións en todos os ámbitos, incluído o laboral".
- Substituir o ponto 2 polo seguinte: "Toda persoa ten direito ao consentemento informado para o tratamento dos seus datos de caracter personal por parte de entidades sexan públicas ou privadas, así como ao acceso, modificación e cancelación destes. A responsabilidade na salvagarda deste direito recaerá nos Poderes Públicos galegos que a exercerán en base a unha Lei do Parlamento de Galiza".

Artigo 19. Liberdades Públicas

- No ponto d) engadir: (...) e a liberdade de compartir coñecementos.

Artigo 21. Dereito a unha boa administración.

- Engadir Ponto 4. "Para posibilitar o exercizo do dereitos a unha boa administración a través do Dominio Galego da Información, os Poderes Públicos galegos habilitarán un sistema que garanta a identificación, a integridade e o non repudio na relación coa cidadanía e as comunidades galegas.

Artigo 26. Dereito ás comunicacións

- Engadir no título, á información despois de Dereito
- Ponto 1, engadir: "(...) a acceder aos servizos universais do Dominio Galego da Información en condicións (...)".
- Ponto 2, "a liberdade da información" aclarar este conceito.
– Engadir novo Ponto “2. Os Poderes Públicos galegos garantirán a interoperabilidade no ámbito do Dominio Galego da Información empregando formatos, algoritmos e sistemas desprovistos de condicionamentos técnicos ou legais que puideran limitar a igualdade e a equidade da cidadanía galega no acceso, transmisión, procesamento ou almacenaxe da información."

Artigo 33. Política económica

- No Ponto 1 engadir: "(...) a igualdade de oportunidades, o desenvolvemento do Dominio Galego da Información garantindo a igualdade nas condicións de acceso aos seus recursos e servizos, e a correción (...)".

Artigo 76. Réxime xurídico xeral das competéncias

- No Ponto 8, engadir: "(...), Comisión Nacional do Mercado de Telecomunicacións, Comisión nacional da Energía,(...).

Artigo 77. Competencias de autogoberno e institucionalización

- No Ponto 1 engadir: "l) Réxime e políticas do Dominio Galego da Información".

Artigo 79. Competencias en materia de ensino e investigación

- No Ponto 1 engadir: "d) Propriedade industrial, a través dunha Oficina Galega de Patentes e Marcas."

Artigo 80.Competencias económicas e financieiras

- No Ponto 1, letra b): "Política industrial e enerxética. Réxime da produción, transporte e almacenaxe de enerxía, autorización de instalacións e actividades de intervención, inspeción e control destas así como as políticas sobre reservas estratéxicas. Determinación do reparto (...)"
– Substituir no Ponto 1, letra k): A regulación básica dos recursos e servizos accesíbeis no Dominio Galego da Información


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA