Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


Directrices para a aplicación das TIC no novo Estatuto galego

[ 2005 11 24 (01:53) ]  Ista aportación procede da análise comparativa das propostas que en materia de TIC se atopan nas distintas iniciativas de reforma estatutaria feitas públicas até a data. O traballo céntrase nas apresentadas no Congreso dos Deputados (Euskadi, Valencia e Cataluña) así como na versión consolidada daquelas que foron apresentadas para o caso galego (Foro Novo Estatuto, Fundación Iniciativas 21 e BNG, tomando como referencia a lexislación estatal, europea e as normas e convenios internacionais vixentes en relación a estas materias.

Reproducimos a seguir o apartado correspondente ás conclusións deste informe, que pode consultar na súa integridade descargando a versión para imprimir.

As TIC, en tanto que tecnoloxías, son o conxunto de coñecementos sobre as técnicas que permiten a almacenaxe, procesamento e transmisión automatizados de información. A capacidade que están mostrando estas tecnoloxías para caracterizar as principais ordes económicas e sociais das sociedades industrializadas leva a presupoñer a presenza de características comúns a todas elas sobre as que se definiría unha sociedade de extensión planetaria.

Esta idea, postulada por primeira vez en 1973 polo sociólogo estadounidense Daniel Bell situaba o coñecemento teórico na coluna vertebral dunha sociedade post-industrial onde as ideoloxías acabarían sobrando. A potencial extensión global desa sociedade podería efectivamente levar implícita a idea dunha uniformidade que sería antagónica coa diversidade presente nas actuais sociedades humanas; e a sociedade galega é unha mostra desa diversidade.

Adoita denominarse "Sociedade da Información" a esta proxección das TIC na sociedade posto que a información é o principal obxecto de interese destas tecnoloxías, ao tempo que a materia prima da industria derivada delas. Frente a outros recursos materiais como a auga ou o petróleo, a información define un sistema de produción de caracter inmaterial, e por conseguinte baseado nunha fonte de riqueza inagotabel.

Mais a información, como soporte de coñecemento, é só unha parte deste e non pode representar o conxunto de coñecementos compartidos que identifican a unha sociedade. Mesmo aínda que a información puidera caracterizar o sistema de produción descrito, o termo "información" continúa a ser insuficiente pois a capacidade de produción inmaterial do ser humano e das súas sociedades precede ao emerxer das TIC; o caso paradigmático dunha produción inmaterial que preceda ás TIC é o dunha língua. É o coñecemento compartido o que dá lugar á produción inmaterial e por tanto debe ser "coñecemento" o termo que deba ser empregado para caracterizar ás sociedades que integran as TIC nas súas dinámicas de produción, en troques do termo mais restrinxido "información".

Podería propoñerse entón o uso de "Sociedade do Coñecemento" como unha expresión máis adecuada para representar o modelo que se proxecta. Pero adicionalmente é preciso que a caracterización dese modelo exprese tamén a pluralidade das sociedades que participan del, de cara a definilo en función da diversidade de toda orde que caracteriza as sociedades humanas en lugar de facelo en función dunha hipotética uniformidade global. Mesmo en termos de produción económica, a implantación dunha uniformidade desa clase sería nefasta para o desenvolvemento do modelo post-industrial ou post-fordista, pois dada a natureza inmaterial do seu sistema de produción, é nesa diversidade onde poden identificarse os principais 'xacementos' dos que extraer a materia prima. Esta diversidade debe identificarse entón como incentivo e non como un obstáculo para o desenvolvemento. Por conseguinte, o obxecto do desenvolvemento fundamentado nas TIC non deberá ser unha sociedade única e global, senón as sociedades que compoñen a diversidade inmaterial da humanidade. Bastará referirse a ise modelo como o das "Sociedades do Coñecemento" para que o plural proxecte tamén o valor da diversidade nese modelo. Tamén poderían ter cabida outras variantes como "Sociedades Informacionais" seguindo a terminoloxía proposta por unha autoridade recoñecida na materia como é Manuel Castells, que permitiría deste xeito a aplicación do termo "información" como atributo dunha forma específica de organización social. Mais entre as distintas variantes, a de "Sociedades do Coñecemento" é a que maior cabida ten en organizacións internacionais como a UNESCO, que teñen mostrado xa unha clara sensibilidade á existenza da diversidade na forma de patrimonios inmaterial e á importancia de protexelos e promovelos.

Pode constatarse que a sociedade galega se atopa no tránsito cara ese novo modelo, onde o novo non é a capacidade para a produción inmaterial, senón o emprego das TIC para facelo. Por canto o Estatuto xorde da vontade de preservar e promover a identidade galega -e xa que logo a súa produción inmaterial existente- as institucións deberán orientar neste sentido o seu desenvolvemento articulado. Unha vez analisadas as propostas de reforma estatutaria apresentadas no Congreso dos Deputados por Euskadi, Valencia e Cataluña ademais das iniciativas xurdidas para o caso galego, estas son algunhas propostas:

- No Título adicado a estabelecer o modelo social que se estatúe -xeralmente o Preámbulo- deberá definirse a integración da sociedade galega como unha máis das "Sociedades do Coñecemento", definindo a súa vontade para integrar a diversidade presente nas sociedades humanas.

- Xeralmente este Preámbulo vai seguido dun Título Preliminar onde se descrebe a natureza e ámbito da identidade. Neste apartado poderá definirse o Dominio Galego da Información, que deberá incluir tanto o espazo radioeléctrico coma calquera outro medio que permita a transmisión de información.

- No Título I, adicado con frecuéncia a establecer os direitos ou liberdades da cidadanía deberá garantirse o direito a participar nos procesos de produción inmaterial que se xeneran sobre o coñecemento compartido. Esto tradúcese no direito de acceso aos servizos universais do Dominio Galego da Información, que tamén podería formularse como o dereito á igualdade no acceso aos servizos universais de transmisión de información. Mais alén de garantir o direito a participar nos procesos de produción inmaterial, é igualmente necesario garantir a o direito á privacidade da información personal de xeito que cada individuo poida delimitar o seu espazo informacional privado. Para esto deberá garantirse o direito á intimidade, que se traduce no dereito ao segredo nas comunicacións ademais do dereito á inviolabilidade dos soportes personais de información. Posto que tanto instancias públicas como privadas teñen acceso a parte da información personal, os poderes públicos deberán garantir a tutela e salvagarda desta información, para o que deberá establecerse tamén os direitos de acceso, modificación e cancelación dos datos de caracter personal, que no Dominio Galego da Información deberían ser garantidos e tutelados por un organismo ad hoc.

- Unha vez instituidos os direitos, deberán formularse as directrices que guiarán as políticas públicas. Se o acceso ao dominio informacional galego é un direito da cidadanía, os poderes públicos deberán garantir ante todo a interoperabilidade dos seus sistemas de información e comunicación, de xeito a permitir o fluxo entre distintas administracións ao tempo que se garante a comunicacion coa cidadanía. Ademais a implantación das TIC deberá responder a un modelo de desenvolvemento sustentabel non só en termos de recursos materiais, senón tamén en termos de recursos inmateriais. No caso das TIC estes recursos manifestanse na forma de software ou programación. Os poderes públicos galegos deberán establecer no Estatuto directrices para promover o desenvolvemento dunha industria das TIC asentada no fomento da innovación científica e mais empresarial. Se ben isto implicará políticas de incentivación económica, tamén deberá implicar políticas de protección do software en base aos direitos de autor e non aos de patentes, en concordáncia co Convenio Europeo de Patentes de 1973.

- Establecidos os direitos e as políticas públicas, será preciso dotarse das competencias precisas para darlles cumprimento. Por terse desenvolvido nun estadío previo á emerxéncia das TIC, as competencias precisas para a xestión do dominio informacional galego tan só se atopan na Constitución española na forma de telecomunicacións, cables aéreos e submarinos -curiosamente os cables subterráneos non se contemplan- e radiocomunicacións, o réxime de radio e televisión ademais da lexislación sobre propriedade intelectual e industrial. O Estatuto galego deberá recoller estas competencias, adicionando as de xestión do sistema galego de nomes de dominio na Internet.

- Finalmente, e tamén no capitulo de competéncias, o Estatuto deberá asumir aquelas que permitan o funcionamento autónomo e sustentabel das TIC na sociedade galega. Esto implica asumir as competencias na ordenación, xeneración, distribución e almacenaxe de enerxía, garantindo a presenza dos poderes públicos galegos naqueles organismos de outras administracións que interveñan na definición e xestión das políticas enerxétivas galegas. Mais tamén implica asumir a xestión dos direitos de propriedade intelectual e industrial, ambas de caracter marcadamente inmaterial. Para esto será preciso asumir as competencias nas entidades de xestión tanto dos direitos de autor de obras literárias, artísticas ou científicas así como a propriedade industrial na forma de marcas, deseños industriais (modelos e debuxos industriais ou artísticos de aplicación industrial), topografía de productos semiconductores e variedades vexetais e animais sexan estas produto da biotecnoloxía ou da evolución natural.

A integración destas directrices permitiría consolidar o texto estatutário como unha proposta que, imbricada no tránsito da sociedade galega a unha sociedade post-fordista, dotaría á cidadanía e aos poderes públicos galegos das ferramentas necesarias para avanzar no modelo de organización social de forma harmónica coas sociedades do noso contorno.

Resultaría así posibel exercer os principios de solidaridade e sustentabilidade no ámbito global sen renunciar por eso á própria identidade, que constitúe o principal patrimonio do pobo galego.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA