Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


O Parlamento Europeo rexeita a directiva de patentes

[ 2005 07 06 (14:15) ]  Tras un tránsito de cinco anos nas institucións europeas, a polémica directiva de patentes de programación foi definitivamente rexeitada polo Parlamento Europeo. Dende a Mesa Galega pola Libre Innovación avaliamos moi positivamente o resultado e queremos agradecer os esforzos de todas as personas e organizacións que nos axudaron a difundir esta cuestión e a conquerir o rexeitamento da proposta.

Como froito dunha iniciativa da Oficina Europea de Patentes co BSA (Business Software Alliance, de Microsoft) a Comisión Europea iniciou no ano 2000 a tramitación dunha directiva comunitaria encamiñada a regular e harmonizar as políticas dos estados membros en materia de patentes de software. Para ultrapasar os impedimentos establecidos pola Convención de Munich de 1973 que impedían a patentabilidade de programas de ordenador, métodos de negocio e abstraccións matemáticas, a Comisión comezou a empregar o termo 'Invencións Implementadas en Computador' que transmite a idea de que as patentes son aplicadas sobre máquinas que empreguen programas, sen deixar claro se os programas mesmos podían ser patentados. Con esta formulación foi elaborada unha proposta polo Consello que na súa primeira leitura no Parlamento Europeo foi aprobada engadindo un conxunto de enmendas que impedían de forma explícita a patentabilidade dos programas de ordenador.

O texto e as enmendas aprobadas polo Parlamento foron ignoradas polo Consello Europeo que, presionado polos grupos pro-patentes e os grandes monopolios de software, reescrebeu a proposta ignorando as emendas e propoñendo un novo texto aínda máis belixerante de cara a facilitar a patentabilidade dos programas. Este texto, que foi aprobado polo Consello de forma pouco rigorosa baixo a Presidencia Irlandesa, é o que acaba de ser rexeitado polo Parlamento Europeo a iniciativa do ponente do informe sobre a directiva, o francés Michel Rocard, debido á falta de claridade do texto e ao comportamento antidemocrático do Consello.

O resultado da votación significa por tanto un éxito para os grupos de presión que tratamos de impedir a patentabilidade do software e tamén unha seria chamada de atención ao Consello no que á súa práctica democrática se refire.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA