Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


Apoia as enmendas da FFII á directiva de patentes de software

[ 2005 06 30 (14:04) ]  A Mesa Galega pola Libre Innovación, grupo de interese conformado por empresas, organizacións non gubernamentais e outras instáncias da sociedade galega vencelladas ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, apoia as emendas apresentadas pola FFII á proposta de directiva de Invencións Implementadas en Computador. Para impedir que os programas de ordenador poidan ser patentados é preciso que estén presentes 367 dos 732 europarlamentarios _e que voten as emendas correctas_. Dende a Mesa Galega pola Libre Innovación facemos un chamamento a toda a sociedade galega para que contribúa visibilizando o seu apoio ás nosas emendas a través das súas webs, acudindo ás concentracións en Estrasburgo ou mesmo contribuíndo económicamente na campaña no caso das empresas vencelladas ás TIC.

O próximo 6 de xulio o Parlamento Europeo votará en segunda leitura o texto da directiva de 'Invencións Implementadas en Computador' proposta polo Consello así como as emendas ao texto apresentadas pola FFII. Tanto o texto coma as emendas serán votadas na mesma sesión. As forzas están moi igualadas no Parlamento Europeo, debido á falta de consenso coa que se tramitou esta polémica proposta lexislativa, e por tanto é factíbel conseguir que se aproben as enmendas da FFII. Malia isto, os grupos pro-patentes están a exercer unha inusitada presión sobre os parlamentarios contratando personal que acude diariamente ao Parlamento Europeo para convencelos. Grazas ao apoio económico das pequenas e medianas empresas europeas, tamén a FFII desprazou personas a Bruxelas e mais Estrasburgo para contrarestar o efecto, mais é evidente que as grandes corporacións contan con moitos recursos e están acercandose ao seu obxectivo: legalizar as patentes de software.

Co obxecto de impedir que iso chegue a ocorrer, a FFII está a promover unha campaña para conseguir o máximo apoio dos europarlamentarios indecisos. Esta campaña está orientada tanto a empresas como a desenvolvedores e usuários de software ben sexa libre ou privativo. Pódese participar visibilizando o apoio ás emendas da FFII a través dunha páxina informativa na entrada dos sitios web, prestando apoio económico dende as empresas ou acudindo ás concentracións que terán lugar en Estrasburgo os días 5 e 6 de xulio xusto antes da votación.

Dende a Mesa Galega pola Libre Innovación sumámonos a esta campaña e convocamos a todos os interlocutores sociais a participar nela para contribuir a promover o desenvolvemento dunha infraestructura electrónica de comunicacións baseada no uso de estandares abertos e na protección dos direitos de propriedade intelectual, libre expresión e libre competéncia.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA