|
Quen somos Actualidade Ligazóns |
Mesa Galega a prol da Innovación |
|
Palestra sobre patentes no VI Forum Internacional do Software Livre [ 2005 06 29 (14:29) ] A Mesa Galega pola Libre Innovación foi invitada pola organización do VI Forum Internacional do Software Livre para intervir no evento cunha palestra sobre patentes de software. O FISL é o evento anual de maior trascendencia para a comunidade do software libre debido ao amplo espectro temático que abarca, proxectos de actualidade e ponentes de relevancia que se dan cita nel. Tivo lugar na cidade de Porto Alegre (Brasil) na primeira semana de xunio no Centro de Eventos da Pontificia Universidade Católica do Río Grande do Sul. Especialmente relevantes foron os contactos que dende a Mesa Galega pola Libre Innovación se estableceron con destacados membros dos gobernos de Brasil, nomeadamente os relativos ao Ministerio da Saúde Pública e o Ministerio de Defensa. Igualmente enriquecedoras foron os intercambios coas delegacións dos gobernos de Extremadura ou do Pais Basco, que mostraban as súas iniciativas dirixidas ás administracións públicas e ás pequenas e medianas empresas.Con máis de catro mil participantes inscritos, iste evento de catro días de duración reuniu os proxectos punteiros no ámbito do software libre. Especialmente sorprendente foi a presenza das empresas IBM e Sun que mostraron mediante os seus stands, demostracións en vivo e diversas exposicións a súa aposta polo software libre e os estándares abertos.
Os medios postos a disposición para este Forum Internacional sobrepasaron a mais optimista das espectativas. Dotado con servizos de todo tipo -dende lavandería até axencia de viaxes-, o espazo incluía unha Feira de Mostras de máis de cinco mil metros cadrados onde se dispuxeron os stands de expositores que abranguían dende pequenos proxectos locais até grandes empresas como IBM ou Sun. Próximo a esta área atopábase o Auditorio, con capacidade para tres mil espectadores, servizo de traducción simultanea e dúas pantallas xigantes para seguir as palestras, e anexo a este un conxunto de aulas con proxectores e equipos de son para os obradoiros e as palestras minoritarias. Adicionalmente a PUCRS puxo a disposición do evento o seu Anfiteatro, tamén dotado de equipos de proxección multimedia e servizo de traducción simultánea.
A palestra apresentada pola Mesa Galega pola Libre Innovación tivo lugar neste último escenario. Foi apresentada por Suso Baleato, voceiro da organización, e a ela asistiron membros dos gobernos de Brasil, e os delegados dos gobernos de Extremadura e País Basco presentes no evento. A palestra consistiu nunha exposición retrospectiva das lexislacións sobre patentes dende os seus precedentes no século XII coas 'patentes de corso', pasando pola transformación en patentes industriais no XIX até o recente abrangamento do software como materia patentabel. Tras esta retrosprectiva, a palestra centrouse na situación da lexislación europea e a tramitación da directiva sobre 'invencións implementadas en computador' iniciada no ano 2000. Finalizada a palestra abriuse un turno de intervencións dende o público que dou lugar a unha interesante posta en común que abrangueu temas dende a patente da vida ao recente rexeitamento da constitución europea en Franza e Holanda.
A palestra dou pé máis tarde a unha serie de intercambios de experiéncias dos distintos gobernos representados alí. No caso de Extremadura, a través dos seus programas de alfabetización dixital e a súa distribución GNU/ Linex. A delegación do País Basco viña a apresentar o próximo encontro mundial de autoridades municipais sobre software libre, que terá lugar en Bilbao a finais deste ano. Así mismo comentaron a súa experiéncia acerca dun proxecto de informatización de microempresas polo cal o goberno basco asume os gastos que os empresarios identifiquen colectivamente.
Pero os intercambios mais destacados foron os realizados co Ministerio de Saúde Pública, que mostrou o proceso de migración dun entorno baseado en software privativo para outro baseado en software livre. Os coordenadores de diversas áreas deste proxecto, dende as máis relacionadas coas decisións políticas ás máis vencelladas ás solucións técnicas mostraron abertamente a súa experiéncia nunha área que abrangue a corenta millóns de personas, o que a convirte nunha experiéncia modelo a ter en conta noutras administracións públicas como a galega.
|