|
Quen somos Actualidade Ligazóns |
Mesa Galega a prol da Innovación |
|
Concentración de protesta nos centros de ensino tecnolóxicos [ 2005 04 22 (13:43) ] A Mesa Galega pola Libre Innovación, grupo de interese conformado por empresas, organizacións non gubernamentais e outras instáncias da sociedade galega vencelladas ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, informa da convocatoria de movilización en todas as universidades do estado contra a legalización das patentes de software na Unión Europea.As organizacións FFII e mais Proinnova convocaron unha concentración de protesta ante a entrada principal de todos os centros de ensino de caracter tecnolóxico no estado español o día mércores 27 de abril de 2005 entre as 12:00 e as 12:30 horas. Durante as concentracións terá lugar a leitura dun comunicado que transmitirá o apoio dos convocados á protección do software mediante a lexislación de propriedade intelectual e o rexeitamento ao actual borrador da Directiva Europea de Invencións Implementadas en Computador. Tanto o texto do comunicado como o listado de organizacións adheridas á convocatoria podense consultar no sitio web: http://lucha.proinnova.org
Esta concentración ven motivada pola polémica adopción por parte do Consello Europeo dunha proposta de texto para a Directiva Europea de Invencións Implementadas en Computador, seriamente cuestionada dende distintos ámbitos da política institucional europea. A pesar de que o Consello non contaba na práctica cunha maioría cualificada suficiente, o texto foi igualmente adoptado e remitido ao Parlamento para a súa segunda leitura ante a estupefacción dos ministros de diversos países que non puideron trasladar o unánime rexeitamento dos seus respectivos parlamentos debido a unha serie de irregularidades acaecidas no transcurso da sesión.
O motivo polo que non existe unha maioría cualificada no seo do Consello Europeo radica na posibilidade que abre o novo texto para patentar de forma indiscriminada materias de natureza puramente cognitiva como métodos matemáticos, modelos de negócio ou programas de ordenador. Este feito contravén a Convención Europea de Patentes asinada en Munich no ano 1973 así como as enmendas aprobadas no Parlamento Europeo na primeira leitura desta directiva en 2003 e que excluían de forma taxativa a patentabilidade dos programas de ordenador desta directiva. Paralelamente, a súa aprobación abriría un escenario de incertidume legal posto que estas obras están xa protexidas polas leis de propriedade intelectual, nomeadamente pola directiva 91/250/EEC de 14 de maio de 1991.
A Mesa Galega pola Libre Innovación participa nesta movilización levando a súa presenza a eventos divulgativos e promovendo a participación nesta movilización de todos os sectores vencellados ás tecnoloxías da información e da comunicación do noso país, sumandose ás concentracións que terán lugar nos centros de ensino o próximo mércores 27 de abril de 2005.
|