Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


O Consello Europeo adopta ilexítimamente a nova Directiva sobre Patentabilidade de Invencións Implementadas en Computador

[ 2005 04 20 (19:59)]
  A Mesa Galega pola Libre Innovación, grupo de interese conformado por empresas, organizacións non gubernamentais e outras instáncias da sociedade galega vencelladas ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, desexa manifestar a súa preocupación debida á adopción por parte do Consello Europeo do novo texto proposto para a Directiva Europea sobre Patentabilidade de Invencións Implementadas en Computador.

O novo texto abre a posibilidade de patentar de forma indiscriminada materias de natureza puramente cognitiva como métodos matemáticos, modelos de negócio ou programas de ordenador. Este feito contravén o artigo 52 da Convención Europea de Patentes asinada en Munich no ano 1973 e abre un escenario de incertidume legal posto que estas obras están xa protexidas polas leis de propriedade intelectual, nomeadamente pola directiva 91/250/EEC de 14 de maio de 1991. Así mesmo o novo texto adoptado polo Consello Europeo circunvala as enmendas aprobadas durante a súa primeira leitura no Parlamento Europeo polas que se excluían os programas de ordenador das materias patentabeis, en concordáncia cos requerimentos formulados por milleiros de cidadáns e de empresas europeas.

Adicionalmente, a adopción por parte do Consello Europeo do novo texto para esta directiva prodúcese en flagrante violación do seu próprio regulamento interno, xa que carece na práctica da maioría cualificada precisa para facelo. E pese a isto, o Consello Europeo ven de adoptar oficialmente o novo texto e propoñelo para segunda leitura no Parlamento Europeo, polo que a súa votación tería lugar no plenario previsto para a primeira semana de xulio de 2005. A súa aprobación legalizaría milleiros de patentes, en moitos casos triviais ou absurdas, que son empregadas polas corporacións multinacionais para afianzar os seus monopólios mediante prácticas abusivas: cando as súas cotas de mercado se ven ameazadas polas innovacións de pequenas e medianas empresas, respostan interpoñendo demandas por violación de patentes, facendo inviabeis as inversións en novos productos e I+D. As patentes de software impiden a innovación e comprometen a competitividade da emerxente industria do software europea, limitando ao mesmo tempo o desenvolvemento das infraestructuras electrónicas que posibilitan a converxéncia das culturas minorizadas con aquelas que dispoñen de maiores recursos tecnolóxicos.

Por todo o exposto, dende a Mesa Galega pola Libre Innovación consideramos que tanto o novo texto adoptado polo Consello Europeo, como o procede mento seguido para conquerir a súa formalización son absolutamente inaceptabeis. Consecuentemente, a Mesa Galega pola Libre Innovación insta aos nosos representantes no Parlamento Europeo a condicionar a aprobación desta directiva á inclusión das enmendas que exclúen a patentabilidade dos programas de ordenador e demais materias protexidas pola lexislación de propriedade intelectual. De non prosperar estas enmendas, consideramos que a directiva deberá ser definitivamente rexeitada e reinstanciada a súa tramitación.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA