Quen somos
Actualidade Ligazóns

Mesa Galega a prol da Innovación


O Convenio do goberno galego con Microsoft perxudica ás empresas galegas

[ 2004 07 08 (19:57) ]
   A Mesa Galega pola Libre Innovación, formada por empresas que operan no ámbito das novas tecnoloxías da información e da comunicación, grupos de utilizadores de Linux así como outras instancias da sociedade galega, quere manifestar o seu profundo malestar polo convenio marco asinado recentemente polo goberno galego coa empresa norte americana Microsoft Corporation para o desenvolvemento da administración electrónica e da sociedade da información.

Segundo este convenio marco, o goberno galego empregará os nosos impostos para adquirir de forma masiva programas de ordenador que ofrecen exactamente as mesmas funcionalidades dos programas equivalentes de código aberto que, en cambio, son gratuitos. Posto que o prezo debe pagarse por cada ordenador que execute estes programas e son miles os ordenadores que haberá que actualizar, este acordo implica unha partida presupostaria multimillonaria que ademais deberá ser abonada de novo transcurridos os tres anos durante os que ten vixencia o contrato: en caso contrario os programas deberán ser desinstalados.

Este convenio resulta especialmente perxudicial para as empresas galegas que xeneran a práctica totalidade dos postos de traballo relacionados coas novas tecnoloxías posto que a Xunta acepta unha licencia de uso que impide a modificación deses programas, imposibilitando así a innovación e os novos emprendimentos empresariais xa que as empresas locais non terán acceso á tecnoloxía empregada pola administración pública galega. Queremos lembrar que Microsoft foi condenada pola Comisión Europea polas súas prácticas monopolísticas que impiden a innovación e o desenvolvemento da industria da programación europea por estes mesmos motivos.

Polo tanto, a Mesa Galega pola Libre Innovación insta ás forzas políticas parlamentares e sindicais para que esixan a revocación deste acordo que resulta nun grave perxuizo para a economía galega e para que se poña en marcha un proceso de consulta aos distintos sectores implicados de cara a definir unha estratexia para o desenvolvemente tecnolóxico que favoreza a creación dunha industria da programación capaz de responder ás necesidades do noso país.


Valid XHTML 1.0! | Thanks to Galician Supercomputation Center for their support:logo CESGA